Saturday 27 de April de 2024

Os obradoiros para a elaboración das Directrices da Paisaxe chegan mañá á Coruña


O taller terá lugar ás 11,00 horas, no centro cívico de Eirís

O concello da Coruña acollerá mañá un dos 50 obradoiros para a elaboración das Directrices da Paisaxe que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está promovendo por toda Galicia. O taller dará comezo ás 11,00 horas, no centro cívico de Eirís (rúa Terranova de Eirís, 7, 1º andar)

Poderán participar tanto os axentes convidados polo seu coñecemento da área paisaxística ou a súa actividade vinculada á xestión da paisaxe, como calquera persoa que desexe asistir e se inscriba na dirección secretaria.iet@xunta.es ou chamando aos teléfonos 981541755/981541756.

O Goberno galego está organizando un taller por cada unha das 50 comarcas paisaxísticas nas que se divide o noso territorio. Esta distribución pretende garantir unha maior equidade espacial no proceso de participación, facilitando á poboación de todos os ámbitos territoriais o acceso a este proceso dun xeito presencial.

Estes obradoiros compleméntanse coa posta en marcha dunha plataforma web participativa a través da cal calquera persoa, dende calquera lugar e en calquera momento, poderá aportar a súa opinión e o seu coñecemento para o deseño das directrices da paisaxe galega. Esta plataforma está dispoñible na dirección https://sixot.es/Paisaxe.

Nestes talleres, os participantes poderán expresar as súas aspiracións en canto aos obxectivos de calidade paisaxística, é dicir, as súas preferencias en canto ás características paisaxísticas da súa contorna, así como a súa opinión sobre as posibles medidas de protección, planificación e xestión da paisaxe.

Tamén traballarán coa plataforma web, na que poderán valorar os principais tipos de paisaxe da súa comarca paisaxística e elixir os tipos de paisaxe preferidos de cara á súa planificación futura. Así mesmo, a través desta web os usuarios poderán localizar puntos relevantes dende o punto de vista paisaxístico e asignarlles unha valoración, determinar os elementos que os compoñen e propoñer medidas de actuación para os mesmos.

As Directrices
Cabe destacar que a Consellería de Medio Ambiente xa seguiu un proceso de participación cidadá para a elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia, que agora se atopa en proceso de exposición pública. Agora abre ese mesmo procedemento para a elaboración destas directrices, que xunto co Catálogo, conformarán o Atlas das Paisaxes de Galicia.

A Lei de Protección da Paisaxe da Galicia establece que as Directrices de Paisaxe deben recoller os obxectivos de calidade paisaxística, que “deben expresar as aspiracións da cidadanía en canto á valoración e o grado de compromiso da colectividade na protección das nosas paisaxes, polo que a determinación destes obxectivos farase mediante un proceso de participación pública”. O mesmo Convenio Europeo da Paisaxe afirma que, unha vez identificados e valorados os diferentes tipos de paisaxes (proceso xa realizado no Catálogo), deben definirse os obxectivos de calidade paisaxística para os mesmos, despois dunha consulta pública.